CRTVG

Buscar

A igualdade de xénero e a educación emocional, claves na nova Educación Primaria

Publicado o 09/08/2021 15:08

A etapa de Educación Primaria poñerá especial énfase en previr as dificultades de aprendizaxe do neno nesta fase, e todas as súas áreas promoverán a igualdade de xénero, a educación emocional e da saúde e a autonomía do alumno. Así o recolle o borrador de real decreto de ordenación e os ensinos mínimos na etapa de primaria, que comprende tres ciclos de dous anos académicos cada un (de 6 a 12 anos).

O documento, ao que tivo acceso EFE e que avanzaron este luns "El Mundo" e "ABC", foi enviado a semana pasada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional ás comunidades para o seu debate e das súas propostas sairá o texto definitivo. As modificacións introducidas no currículo, a organización e os obxectivos de primaria implantaranse para os cursos primeiro, terceiro e quinto no curso escolar 2022-2023, e para os cursos segundo, cuarto e sexto no curso 2023-2024.

Nesta etapa poñerase especial énfase en garantir a inclusión educativa; a atención personalizada ao alumno; a prevención das dificultades de aprendizaxe e a posta en práctica de mecanismos de reforzo ou outras medidas cando se detecten estas situacións, afirma o texto. Dentro do apartado dedicado aos principios pedagóxicos apúntase á promoción da igualdade de xénero, a educación para a paz, o consumo responsable e o desenvolvemento sostible e a educación para a saúde, incluída a afectivo-sexual.

Poñerase especial atención á educación emocional e en valores e a promover a autonomía e a reflexión. Igual que no anterior real decreto de 2014, que derrogará esta nova norma, avógase por fomentar o hábito da lectura e, con ese fin, todos os centros dedicarán un tempo diario á mesma. Entre os obxectivos de primaria apunta á adquisición de habilidades para a resolución pacífica de conflitos e a prevención da violencia e desenvolver capacidades afectivas en todos os ámbitos da personalidade e nas súas relacións cos demais.

As áreas que se imparten en todos os ciclos serán: Coñecemento do Medio Natural, Social e Cultural, que se poderá desdobrar en Ciencias da Natureza e Ciencias Sociais; Educación Artística; Educación Física; Lingua Castelá e Literatura e, se a houber, Lingua cooficial e Literatura; Lingua Estranxeira; e Matemáticas.

A avaliación do alumnado será continua e global e terá en conta o seu progreso no conxunto dos procesos de aprendizaxe. No contexto da avaliación continua, cando o progreso dun alumno non sexa o adecuado, estableceranse medidas de reforzo.

En canto á promoción, a final de cada ciclo, o equipo docente adoptará as decisións correspondentes de maneira colexiada, tomando especialmente en consideración a información e o criterio do titor. A repetición só podera adoptarse unha vez durante a etapa e terá carácter excepcional.

Os resultados da avaliación expresaranse nos termos insuficiente para as cualificacións negativas; suficiente , ben, notable ou sobresaliente  para as positivas. 

Dende o Partido Popular referíronse hoxe ao borrador sobre o currículo das matemáticas filtrado na prensa, que incluiría a perspectiva de xénero na materia.  Nalgúns dos parágrafos pódese ler, literalmente, que se vai promover "o descubrimento persoal da sexualidade" e os "xogos exploratorios estimulantes" para os nenos de 0 a 6 anos. A vicesecretaria de Política Social do PP pídelle ao Goberno "que se preocupe de que a ABAU sexa unha proba nacional, que non teñamos fracaso escolar, que teñamos uns nenos preparados para o futuro, para as novas profesións, a liberdade de elección dos pais". Para Ana Pastor, "en vez de todo iso, atopámonos con esas matemáticas en que en vez da cadratura do círculo falaremos dun novo modelo socio emocional".

Noticias web

09/08/2021