CRTVG

Buscar

A igrexa de Santa María de Nogueira garda un segredo renacentista na Ribeira Sacra

Publicado o 03/05/2019 16:45

Aínda que conserva parte das feituras románicas orixinais do século XII, a arquitectura non é o máis valorado da igrexa de Santa María de Nogueira. O que a fai máis singular é a súa localización no meandro do Miño no Cabo do Mundo e sobre todo o tesouro renacentista agochado durante séculos no seu interior...

Tras un longo proceso de restauración quedaron á vista os frescos que ilustran todas as paredes.
"Foi unha sorpresa poder recuperalas con esta calidade", di Beatriz Pérez Pereira, guía de turismo da Ribeira Sacra.

Son de distintas épocas, pero a maior parte dátanos arredor de 1.560 e atribúenllos a un artista ao que chaman 'O mestre de Nogueira', precisamente por este singular traballo. Coa chegada do Barroco, a nova maneira de ornamentar as igrexas supuxo que se borraran estas imaxes previas.

"As modas eran distintas, o habitual era pintar as igrexas. O que si foi unha sorpresa foi poder recuperalas con esta calidade", explica a guía.

Hai unha época, a partir de Trento fundamentalmente, que se vai favorecer a construción de retablos e as pinturas caleábanse. Así foi como as imaxes do Xuizo Final, a Resurreción, o Bico de Xudas, ou o martirio de San Sebastián quedaron ocultas durante séculos. En 2017 rematou a restauración que as sacou de novo a luz e desde entón son un referente máis do rico e variado patrimonio da Ribeira Sacra.

Noticias web

03/05/2019