A humidade está a estragar un mural do século XVII único en Galicia
As filtracións de auga están a danar a pintura mural do século XVII que alberga o santuario da Nosa Señora das Virtudes, na parroquia ribadense de Arante. Descuberta nos anos 70, trátase dunha obra de grande importancia, posto que é a única representación pictórica de temática mariña que se conserva da Galicia de hai 400 anos.
O santuario da Nosa Señora das Virtudes, na parroquia ribadense de Arante, conserva un tesouro singular. Trátase desta pintura, que é o único mural de temática mariña do século XVII en Galicia. Descuberta baixo o cal en 1970, representa o naufraxio en que un capitán salvou a vida, e agora é a propia representación pictórica a que periga debido á auga. As filtracións de humidade están a destruir esta obra de arte.
Dado que a humidade está a destruir o mural, Patrimonio anunciou que ten previsto realizar unha intervención de urxencia para consolidar a pintura. Prevese que a actuación se desenvolva esta mesma primavera, dous anos despois de seren detectados os danos.
O mural fora elixido polo Consello da Cultura Galega para figurar na exposición Galicia Cen, que recollía os cen obxectos máis simbólicos da nosa historia.