CRTVG

Buscar

A hostalería terá dous niveis de seguridade á marxe da incidencia dos concellos

Publicado o 07/09/2021 14:29

Todos os establecementos de hostalería de Galicia van quedar divididos en dous niveis de seguridade —medio e máximo— con independencia da situación sanitaria de cada concello, segundo anunciaron este martes o vicepresidente primeiro Alfonso Rueda e o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña.

A Xunta pechou co sector un preacordo para un protocolo de seguridade na hostalería, que terá que ser referendado polo comité clínico que asesora a Sanidade. De ser así, poñerase en funcionamento "canto antes", aínda que se lles dará aos hostaleiros un tempo "razoable" de adaptación.

O novo protocolo permitirá unha maior ocupación e outras cuestións, como recuperar o uso de barra. Ademais, serán os propios establecementos os que decidirán baixo que nivel de condicións de seguridade traballan, é dicir, no nivel medio ou no máximo.

Cheché Real, presidente da Asociación de Hostaleiros de Lugo: "no nivel 1 iría dunha ocupación do 50 ao 70%, e o nivel 2 do 75 a un 100% incluíndo tamén barras".

Cada un deses niveis terán unha serie de requisitos ou obrigacións por parte da hostalería que lles permitirán funcionar sen ter en conta a situación epidemiolóxica do concello en que se atopan situados.

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade: "os niveis son independentes da taxa de incidencia do concello, algo que o sector nos pedía". O vicepresidente primeiro da Xunta asegurou que "está pensado para darlles estabilidade aos profesionais da hostalería, e tamén seguridade sanitaria aos clientes".

O ocio nocturno non está incluído neste protocolo. A Xunta e o sector traballan nun documento propio, que queren ter pechado para outubro.

Noticias web

07/09/2021