CRTVG

Buscar

A hostalería teme polo seu futuro, agoniada polas restricións

Publicado o 15/01/2021 15:04

As consumicións, ou ao fresco ou para levar. Así traballa a hostalería nos sesenta concellos que están no máximo nivel de restricións, co interior vetado e as terrazas á metade da ocupación, un endurecemento das medidas que confirma o que xa temían dende decembro.

"Xa sabiamos que as festas do Nadal ían traer cola, e que nós seriamos os principais prexudicados", afirma o hostaleiro compostelán Óscar Blanco. 

Algúns establecementos pecharon, e os que quedan abertos prevén un inverno moi negro, cos mesmos gastos e sen ingresos.

"A luz séguese pagando, a auga igual, o alugueiro igual", di María García, hostaleira. Outro profesional, José Manuel Mallón, di que non están ingresando o que deberan, pero teñen que seguir "pagando impostos e recibos". 

Pediron axudas, pero din que non abondan. O hostaleiro Luís Campos cóntanos que a el a Xunta lle deu "mil e algo euros" o concello, outro tanto, pero que non cre "que sexa abondo para subsistir". 

O horario ata as seis non axuda, e o inverno tampouco.

"De momento, o tempo aguantou, pero xa se prevén chuvias", di Óscar Blanco.

"Cando empece a chover, a terraza anúlase", comenta a hostaleira María do Carme Tesouro.  

Con todo, esperan poder poñerlle a estes malos tempos boa cara.

"Comigo non vai poder nin a covid nin nada", di María García, que asegura que vai seguir traballando "con alegría e sempre cun sorriso de ollos".

Esperan que o esforzo sirva e que baixen os contaxios

Noticias web

15/01/2021