A hostalería prepárase para ampliar a ocupación dos seus locais
A hostalería prepárase para recibir un maior número de clientes tras a ampliación dos niveis de ocupación.
"Eu creo que nos vén de perlas. O tema das ocupacións agora en festa é primordial e os bares que levamos máis dun ano agonizando parece que vemos a luz ao final do túnel", conta Suso Díaz, propietario dun local de hostalería.
A medida entrará en vigor o sábado e onde máis o van notar é na cidade de Lugo que celebra estes días as súas festas patronais.
"O empurrón vai ser importante porque coincídenos xusto no San Froilán. A partir do sábado teremos un 90 % de ocupación e un máximo de 20 persoas en mesa nas terrazas, o que practicamente será a normalidade", sinala Miguel Cortés, responsable de eventos dun hotel.
Aumenta tamén o número de comensais por mesa, volverán a xuntarse ata 10 persoas en interiores e ata 20 nas terrazas propiciando as tradicionais xuntanzas co polbo como protagonista.
"Claro que axuda moito, son unhas festas moi familiares e típicas de Lugo, coa gastronomía do polbo entón axúdannos as ocupacións e o bo tempo", di Jesús López, propietario dun restaurante.
Polo momento mantéñense as limitacións no ocio nocturno, mentres que medra a ocupación nos espectáculos musicais que mesmo acadará o 90 % nos que o público estea sentado.