CRTVG

Buscar

A hostalería poderá acollerse á exención do recibo da auga

Publicado o 20/02/2021 15:08

As consecuencias económicas da pandemia están afectando a todos os sectores, entre eles o da hostalería, polo que se acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia o modelo para solicitar a exención do recibo da auga e de verteduras a establecementos de restauración, de ocio, hoteis e tamén albergues que viran diminuída significativamente a súa actividade.

Lalo Crespo, director do hotel OCA Porta do Camiño (Santiago de Compostela) explica en que lle afecta o canon: "En establecementos coma os nosos, a rede de subministración de piscina, tamén auga nos cuartos, zonas comúns e demais".

A norma, que xa se publicou no Diario Oficial de Galicia deste venres, recolle que os negocios deberán xustificar unha redución do consumo de auga igual ou inferior ao 25 por cento antes do 5 de novembro do ano pasado. Se non tivesen contador de auga, deberán acreditar unha diminucion nos aloxamentos, nos servizos ou no consumo electrico polo menos do 75 por cento. Nalgúns casos como o dos hoteis, nos que moitos perderon entre o setenta e o oitenta por cento da súa facturación habitual, o aforro pode chegar aos 600 euros mensuais.

"É unha axuda importante, porque todas as axudas son benvidas para os hoteis e para a xente que nun momento dado ten unha estrutura un pouco máis pequena. Nós necesitariamos tamén axudas de maior contía para, en establecementos coma este, poder subsistir", afirma Lalo Crespo.

O período ao que se aplicarán estas exencións vai do 5 de novembro do ano pasado ata que se levante a situación de emerxencia sanitaria en Galicia. A aplicacion non é automática, polo que os interesados deben solicitala para facela efectiva.

Noticias web

20/02/2021