CRTVG

Buscar

A hostalería lucense precisa medio milleiros de traballadores

Publicado o 26/02/2020 19:09

Os hostaleiros lucenses din estar faltos de man de obra. Segundo os cálculos da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo, no conxunto da provincia precisan sobre medio milleiro de traballadores, tanto camareiros como persoal de cociña. Entre as principais razóns desta demanda figura o incremento do turismo, que en 2019 se disparou un 13 por cento. Lugo é, de feito, a provincia galega onde máis aumentou o número de turistas no último ano.

Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo: "Segundo os últimos datos de turismo que deu a Xunta, Galicia é a comunidade que máis crece no Estado español. Pero dentro de Galicia, a provincia que máis crece é Lugo."

Para atraer man de obra, os hostaleiros lucenses afirman que están a tomar medidas, como implantar melloras nos horarios do persoal co fin de favorecer a conciliación familiar.

Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo: "Que as cociñas pechen ás tres e media da tarde, cun desaloxo dos establecementos ás catro e media, e pola noite que pechen as cociñas ás once e media e os establecementos desaloxados á unha da mañá."

Actualmente o sector hostaleiro dálles emprego na provincia de Lugo a uns 9.000 traballadores.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/02/2020