CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía FDS

A Guerra Civil española combatíase moralmente desde dous bares porteños

Publicado o 15/07/2017 15:14

Imos agora cunha pequena curiosidade histórica que nos chega dende Bos Aires.
Durante a Guerra Civil española, a máis de 10.000 quilómetros de distancia, republicanos e franquistas reuníanse en dous bares, separados só por unha rúa.
De aí saíron moitas anécdotas que aínda hoxe dan para algún faladoiro entre os máis veteranos.


A Guerra Civil española tamén se combatiu moralmente dende Bos Aires; e un dos puntos clave foi esta esquina da avenida de Maio na que me atopo.
A unha beira, o Bar Iberia, onde se reunían as persoas afíns ó bando republicano, do outro lado e separados por escasos metros, o Bar El Español, o bastión porteño do franquismo.

Entre 1936 e 1939, neste recanto porteño ó que chegaba información de España por contagotas, xúbilo e pesadume misturábase cada noite segundo avanzaba a contenda en favor dun ou doutro bando.


"Era imposible non participar da Guerra Civil española dende a distancia porque había dous puntos de vista diametralmente opostos e manifestábanse principalmente pola noite, cando empezaban as grandes discusións e remataban voando cadeiras e rompéndose vidros".

Ambos bloques xogaban dende Bos Aires un rol estratéxico no conflicto, redactando consignas ou xuntando alimentos e roupa para enviar á terra nai dende estas baiucas rexentadas por galegos.

Co paso do tempo, El Español pechou e o Iberia reconvertiuse nun referente da hispanidade.


"O Bar Iberia transformouse nun lugar de encontro, xa pechadas as feridas, e nunha especie de Pacto de Moncloa no que empezaron a atoparse os nostálxicos".

Polas súas mesas pasaron presidentes arxentinos de ascedencia galega como Leandro Alem, e intelectuais coma Federico García Lorca ou Castelao, entre outras personalidades que lle valeron a este café a distinción de bar notable pola súa significancia histórica.


"Para esa declaración de café notable tivo moito que ver esa situación de patrimonio intanxible que ten que ver con todo o tema da Guerra Civil e tódalas personaxes que pasaron por aquí".

No 2003, este cruce de rúas foi declarado como a "esquina da hispanidade" polo Goberno da Cidade de Bos Aires, todo un fito que representa, dalgún xeito, o irmandamento dun pobo.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí