CRTVG

Buscar

A guerra entre A China e os EUA ameaza a economía mundial

Publicado o 07/08/2019 11:49

A guerra comercial entre A China e os Estados Unidos ameaza con desestabilizar a economía mundial. Tras sufrir fortes caídas, os mercados financeiros seguen dominados pola incerteza dunha batalla en que ningún dos rivais semella dar o brazo a torcer.   

A China e os Estados Unidos libran unha batalla comercial dende hai máis dun ano, intercambiándose subidas recíprocas de aranceis por valor de miles de millóns de dólares. A última anunciouna a Casa Branca a fin de semana: un 10% máis de impostos para os produtos chineses a partir de setembro.

Beijing respondeu con dureza suspendendo a compra de produtos agrícolas estadounidenses e desvalorizando a súa moeda fronte ao dólar para favorecer as exportacións, estendendo así a guerra ao mercado financeiro.

Os americanos denunciaron entón o seu rival asiático ante o FMI, acusándoo de manipulador de divisas, un xesto que non conseguiu frear as bolsas de todo o mundo, que rexistraron as peores caídas do ano. Nas últimas horas os mercados calmáronse, contendo a respiración ante unha batalla comercial que ameaza con desestabilizar a economía mundial.

Noticias web

07/08/2019