CRTVG

Buscar

A Revista

A Guarda homenaxea este sábado os remeiros do Porto dos anos 40 cunha regata de traiñeiras

Publicado o 07/06/2018 13:09

A Guarda homenaxea este sábado os remeiros que traballaron entre as décadas dos anos 40 e 70 no porto. Daquelas ducias de homes, só uns cantos poderán sentir o agarimo da poboación e das tripulacións que se van achegar de todo Galicia para participar nunha emotiva regata de traiñeiras, dentro dos actos previos ao Encontro de Embarcacións Tradicionais que A Guarda acollerá en 2019.

Esta rede centenaria, que mostran con tanto orgullo, é unha das marabillas que vén rescatando a Asociación Piueiro desque souberon que o seu proxecto fora o elixido e A Guarda ía ser, por primeira vez, sede do Encontro de Embarcacións Tradicionais o 14 de xullo de 2019.

Confrarías, empresarios, colectivos ambientais, deportivos e culturais xuntaron tanta ilusión que xa un ano antes do encontro van celebrar unha regata homenaxe aos seus maiores, aqueles remeiros que competían no porto polas festas do Carme.

Un dos seus tesouros son xustamente as gamelas que usaron e usan mariñeiros de toda a vida como Manuel, propietario da Che, unha das catro que quedan en activo no porto.

Como parte da investigación, Piueiro recuperou tamén as marcas de familia que os mariñeiros gravaban nos aparellos. Ata hai pouco, todos os que pescabas na zona eran capaces de recoñecelas, mesmo en Portugal, de xeito que sempre recobraban o perdido.

A reivindicación do mar da Guarda é tan ambiciosa que abrangue desde termos mariñeiros perdidos ata aparellos e artes que xa non se usan ou mesmo a reconstrución xa en marcha dun volanteiro, embarcación de principios do século XX que coexistía coas gamelas, máis pequenas.

As redeiras, aínda que aquí só queden 7, tamén se sumaron con entusiasmo e conseguiron rescatar xoias esquecidas en sotos e pendellos.

Todos os colectivos que forman Piueiro teñen moitos proxectos para este ano previo ao Encontro de Embarcacións Tradicionais. A cabeciña non para...

Todo por recobrar ese histórico mar da Guarda que se aperta co río Miño nesta vila mariñeira disposta a fundirse coas súas milenarias raíces salgadas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

A Revista

07/06/2018