CRTVG

Buscar

A Guarda acolle o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia en xullo

Publicado o 22/06/2019 15:25

Celébrase cada dous anos nunha vila mariñeira distinta do país. Nesta ocasión o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia terá lugar na Guarda, froito do empeño e traballo da asociación Piueiro para a recuperar o patrimonio marítimo e fluvial do concello. Como novidade este ano os barcos participantes farán unha travesía conxunta dende as Cíes.

Manuel García, presidente de Culturmar, di que se trata  da "maior concentración de embarcacións tradicionais peninsular que acompañamos dunha chea de actividades propias da cultura mariñeira"
Dende a Asociación Piueiro, Xaquín Cadilla, afirma que  "o que queremos e facer da cultura mariñeira lago útil para o futuro".

A conselleira do Mar mantén que este encontro contribuirá a que perdure o valor do patrimonio fluvial e marítimo de Galicia e anunciou un plan de goberno para a súa conservación.

Rosa Quintana asegura: "É un plan de acción en que vos propoño traballar, xa estamos traballando nel, pretendemos que a súa parte inicial estea lista no 2020 e que se empece a executar no 2021". 

Máis de cen embarcacións de Portugal, Irlanda e distintos puntos da xeografía española confirmaron a súa participación. Será entre o 11 e o 14 de xullo.

Noticias web

22/06/2019