CRTVG

Buscar

A gota fría segue castigando as Baleares, Cataluña e Valencia

Publicado o 11/09/2019 15:16

A gota fría segue castigando o levante. A intensa chuvia deixou onte nas Baleares 148 incidentes, entre eles rescates en vivendas inundadas, embarcacións á deriva e caídas de árbores. Esta mañá os chuvascos torrenciais afectaron máis a costa catalá, sobre todo Tarragona.

Barcelona, Tarragona e as tres provincias da Comunidade Valenciana seguen con aviso laranxa por mar revolto e chuvia forte e persistente. Durante a mañá, o temporal afectoulle especialmente no litoral catalán, pero as previsións da Axencia Española de Meteoroloxía son que ao longo do día cobre intensidade en Castellón, Valencia e Alacante, con risco importante por chuvia, vento, tormenta e marusía.

As ondas grandes e os areais baleiros na costa valenciana son hoxe a foto inusual nun día de finais de verán.

"Chama a atención ese bravío que leva o mar hoxe, esa forza que leva hoxe. Choca moito", comentaba un veciño.

Nas Illas Baleares a alerta laranxa está en Eivisa e Formentera, despois de que onte afectara especialmente Mallorca e Menorca. Os servizos de emerxencias atenderon nas dúas illas 148 incidencias, a maior parte delas en Mallorca, onde tiveron que rescatar 17 persoas de vivendas asolagadas e vehículos atrapados na auga. Árbores caídas, estradas e baixos inundados e servizos paralizados foron constantes durante a xornada.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/09/2019