CRTVG

Buscar

A gota fría deixa xa seis mortos e 3.500 evacuados no sueste de España

Publicado o 14/09/2019 13:07

• A última vítima, un home de 41 anos, apareceu morto nunha parroquia de Orihuela

• Grande-Marlaska: "O Goberno dará a axuda precisa para que os afectados poidan pasar páxina canto antes"

• Pablo Casado e Albert Rivera visitan a zona cero do temporal

Seis persoas mortas, miles de evacuados, estragos importantes e perdas económicas aínda por cuantificar. É a pegada que deixa a gota fría que atravesou o sueste da península nas últimas 48 horas.

A sexta vítima é un home de 41 anos que atoparon na mañá do sábado nunha pedanía de Orihuela, en Alacante.

O cadáver da quinta vítima, un home de 58 anos, apareceu a última hora de onte nunha zona de Orihuela anegada polo desbordamento do río Segura. Crese que foi arrastrado pola auga cando intentaba cruzar a rúa despois de aparcar o coche.

Os outros catro falecidos morreron atrapados nos seus vehículos: un home en Almería e outro na localidade granadina de Baza, tamén onte; e dous irmáns na provincia de Albacete o xoves.

Ontinyent, zona cero

En Ontiyent, despois da gran riada que supuxeron os 400 litros por metro cadrado que caeron en sete horas, miran ao ceo confiando en que o tempo lles dea unha tregua para poder comezar os traballos de limpeza e regresar ás súas casas. 

A maioría dos veciños están nun albergue. "Está todo botado a perder, todo para tirar... fíxate a onde chegou o nivel da auga, máis de dous metros! Imaxina, está todo cheo de lama",

Manuel Cuesta, concelleiro de Servizos Municipais, conta que o luns empezarán a baleirar as casas e os técnicos municipais empezarán a determinar cales están habitables e cales non.

A Comunidade Valenciana está sendo unha das máis afectadas. En Alacante, na zona da Veiga Baixa, os equipos de emerxencias realizaron máis de 200 rescates, incluído o de tres mulleres embarazadas que se puxeron de parto.

O río Segura rebordou en Orihuela. Alcante e Valencia seguen en alerta vermella. En Murcia e Almería a situación mellora pero ainda hai estradas cortadas e centos de persoas desaloxadas.


Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/09/2019