CRTVG

Buscar

A gota fría arruína 300.000 hectáreas de horta e cítricos

Publicado o 16/09/2019 20:43

Aínda é cedo para cuantificar os danos causados polo temporal máis grave rexistrado en Alacante e Murcia nos últimos 40 anos. As primeiras estimacións de varias asociacións agrarias falan de 300.000 hectáreas de horta e cítricos arruinadas. Miles de veciños seguen desaloxados das súas casas, sen agua potable e algúns sen luz. En Dolores, unha localidade da Vega Baixa de Alacante, as evacuacións continuaron este luns por medo a que rebordara o río Segura a pesar de que o caudal foi baixando.

"Empezar a avaliar os danos que son moitos, facer equipos de traballo, pedir axuda por suposto porque o concello non pode con tanto para volver á normalidade, restablecer luz eléctrica, auga potable e empezar a limpar casas que están anegadas", di o alcalde de Dolores.

Aqui en Dolores continúa a busca dun home que caeu nunha zanxa e foi arrastrado pola corrente.

"Vírono que collía un saco e levouno, nin máis menos, fóiselle a perna e a corrente levouno".

Os empresarios piden a declaración de zona catastrófica para a Vega Baixa e o presidente da Comunidade Valenciana mesmo fala dun plan Marshall ante a gravidade da situacion. Tamén o alcalde de Arganda lle pide ao goberno de Madrid a declaración de zona catastrófica polas inundacións sufridas con esta gota fría e as do 26 de agosto.

"Hai que tomar medidas máis serias, a nós volvéusenos anegar todo o outra vez".

Tras a riada, a lama cobre agora rúas, casas e comercios que os afectados e centos de voluntarios intentan limpar. E esta gota fría, que deixou seis mortos, quizáis sete, está xa desactivada.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/09/2019