CRTVG

Buscar

A Generalitat impoñerá por decreto lei o confinamento en Lleida e comarca

Publicado o 13/07/2020 21:43

En Lleida, os veciños están en tensión pola polémica decisión do confinamento de Lleida ordenado pola Generalitat, e botado abaixo pola xuíza de garda. Con tanta indecisión, moitos fixeron vida normal ata que se resolva a cuestión en firme. Fernando Simón lembrou que hai outras medidas para frear estes brotes, menos rápidas pero suficientes.

No resto de España, o máis preocupante é a situación de Aragón. Zaragoza e Huesca volveron hoxe á fase 2 da desescalada, de xeito flexible.

A Generalitat non acepta o auto da xuíza de garda, que rexeitou a orde de confinamento para a cidade de Lleida e doutros sete concellos da comarca do Segrià. A maxistrada considera que este confinamento afecta dereitos fundamentais e que se trata dunha competencia estatal, mentres Torra busca esquivalo cun decreto lei.

Seis concellos de Segriá xa se desmarcaron da decisión do Govern e, polo momento, non aplicarán esta medida. Os expertos sanitarios lembran que hai outras medidas de control.

Zaragoza e Huesca retroceden á fase 2 flexible 

Zaragoza e Huesca, retroceden á fase 2 da desescalada, pero dun xeito flexibilizado. A medida imponse tras o aumento de casos

120 brotes espallados en 15 provincias 

En total, permanecen activos 120 brotes en todo o país, espallados por unhas 15 provincias. Un dos últimos brotes deuse nun campamento de verán na localidade soriana de Salduero, que deixa illados 20 menores e varios monitores.

Ademais, outras catro comunidades, Aragón, Andalucía, Murcia e A Rioxa, aprobaron o uso obrigatorio da máscara en todos os espazos públicos aínda que se cumpra a distancia de seguridade.

 

Noticias web

13/07/2020