CRTVG

Buscar

A Generalitat reclama un mediador para non vetar os presupostos do Estado

Publicado o 05/02/2019 23:34

Cando faltan 8 días para a votación clave, a designación dun intermediario en Cataluña pode ser a chave que evite o veto dos independentistas aos presupostos. Reclamouno Esquerra para retirar a emenda á totalidade que este martes rexistraron no Congreso e tamén a propia Generalitat, aínda que xa non esixe un perfil internacional.

Elsa Artadi, voceira da Generalitat: "Ten que haber unha figura, que poden ser unha ou máis persoas, que dean un testemuño neutral sobre o que sucede, sobre o que se falou, sobre os acordos que haxa".

Joan Tardá, voceiro de ERC no Congreso: "Aquel que non só axuda, senón que actua como fedatario do que entendemos que deberiamos emprender".

O Goberno di que non fan falta mediadores, aínda que admitiría a presenza dun terceiro e non na mesa dos gobernos, senón na dos partidos.

Carmen Calvo, vicepresidenta do Goberno: "Alguén que sexa capaz de dicir "convocámosvos, tomo nota do que ides falando", un pouco á maneira do que fai un relator nun congreso".

O PP cre que a negociación contra o reloxo demostra que as supostas cesións a Cataluña non serviron de nada.

Pablo Casado, presidente do PP: "Ao final, a reclamación non só é a desigualdade entre españois, subir de forma exponencial o investimento en Cataluña en detrimento doutras autonomías, senón que piden xa directamente é a aministia ou a retirada das acusacións por rebelión por parte da Fiscalía; en definitiva, a chantaxe intolerable ás institucións do Estado".

O PNV e Compromís confirmaron que non impedirán a tramitación das contas.

Noticias web

05/02/2019