CRTVG

Buscar

A Generalitat crea un fondo para pagar as fianzas impostas polo Tribunal de Contas

Publicado o 06/07/2021 15:59
A Generalitat crea un fondo para pagar as fianzas impostas polo Tribunal de Contas
EFE

O Govern creou un fondo con dotación inicial de 10 millóns de euros para axudar os exaltos cargos da Generalitat a quen o Tribunal de Contas reclama fianzas por valor de 5,4 millóns por promocionar o referendo ilegal do 1-O no estranxeiro usando, supostamente, diñeiro público.

Este fondo levará o nome de Fondo Complementario de Riscos da Generalitat de Cataluña (FCRCAT) e poderase acoller a el calquera funcionario ao que se pidan responsabilidades legais por actividades relacionadas co desempeño do seu cargo, sempre que cumpra certos requisitos. "Non é un aval directo", asegurou en conferebcua de prensa o conseller de Economía Jaume Giró. O conseller defendeu a "solidez xurídica" deste mecanismo e descartou que se poida acusar a Generalitat de malversación por auxiliar os 34 dirixentes do procés a quen o tribunal administrativo reclama fianzas por un importe total de 5,4 millóns de euros porque en ningún momento haberá "desprazamento patrimonial".

O funcionamento asemellarase ao dun seguro privado e será unha entidade financeira —aínda por concretar, o Govern está a conversar con varias— quen avale as mencionadas fianzas, cun contraaval da Generalitat. O diñeiro non se transferirá ata que haxa unha sentenza firme que o esixa e se esgotasen todas as vías de recurso "nacionais e internacionais"; chegado ese punto, "o beneficiario deberá devolver o diñeiro, os intereses e as costas á administración".

A preguntas dos xornalistas, Giró aclarou que o devandito fondo, dotado con esta achega inicial de 10 millóns de euros, se nutrirá dos orzamentos da Generalitat, aínda que non especificou de que partida en concreto: "Estamos a velo (...). Hai moitas caixiñas das cales podería saír", dixo en alusión ás diferentes partidas orzamentarias.

Ata que a Generalitat atope unha entidade financeira disposta a avalar estes fondos, o Institut Català de Finances, de forma provisional, actuará como entidade xestora e o contraaval da Generalitat canalizarase tamén a través do ICF, que é a entidade financeira pública da Generalitat. Giró remarcou que se "bloqueará diñeiro para un aval", de forma que "non se darán a ninguén 10 millóns". 

O Goberno revisará a legalidade do fondo

O Goberno revisará a legalidade do fondo creado polo Govern de Cataluña. A ministra portavoz do Goberno María Jesús Montero sinalou que aínda que non coñece exactamente a norma aprobada polo Goberno da Generalitat "evidentemente o Goberno de España vela pola legalidade vixente". "Todas as normas son pasadas por ese filtro da legalidade e unha vez visto e estudado o texto faremos chegar a consideración oportuna", puntualizou Montero. 

Casado anuncia que recorrerá 

O líder do PP Pablo Casado anunciou que recorrerá contra o fondo de 10 millóns de euros da Generalitat. Os populares interpoñerán recurso e ademais denunciarán a Generalitat por prevaricación e malversación co obxectivo de que os responsables de crear ese fondo sexan "inhabilitados".

Casado denunciou "graves irregularidades" que ao seu xuízo están a cometerse nesta ocasión "coa complicidade" do presidente do Goberno Pedro Sánchez. "Se Sánchez non fai nada, se non anuncia que non vai reunir a mesa de partidos porque se seguen incumprindo as resolucións do Tribunal de Contas e seguen avalando a delincuencia, nós si que esixiremos que se cumpra o que dixeron os tribunais", recalcou o presidente do PP. 

Noticias web

06/07/2021