CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

A Garda Civil velará pola seguridade do novo Plan de transporte escolar compartido

Publicado o 04/09/2017 21:25

Unha semana antes de que se inicie un novo curso escolar, todo está preparado para que bote a andar o novo modelo de transporte compartido que afectará unhas 500 rutas en toda a comunidade. A Garda Civil velará por que todo este dispositivo se desenvolva con seguridade e reforzará os controis, sobre todo na primeira semana de funcionamento.

Todo está preparado para que o próximo luns comece a funcionar o novo sistema de transporte escolar compartido. Os esforzos van dirixidos a que os escolares non noten cambio algún. Horarios, paradas e rutas seguirán intactos. Haberá ademais un importante incremento no número de acompañantes en cada ruta. O cambio estará na posibilidade de aproveitar as prazas vacantes en cada autobús para que poidan ser utilizadas por outros usuarios.

O conselleiro de educación di que "vai posibilitar dar máis servizos aos galegos que van poder incrementar a súa mobilidade, sobre todo en zonas rurais e ter un servizo educativo que siga funcionando como ata o momento."

Para garantir a seguridade deste novo sistema, a Garda Civil reforzará os controis e a vixilancia, especialmente na primeira semana de funcionamento, ainda que o dispositivo se manterá durante o resto do curso escolar. Explicouno a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez: "Queremos que funcione de forma correcta. A Garda Civil velará polo cumprimento da normativa de seguridade. Tamén que se cumpran os horarios e seguir traballando co resto dos axentes"

En total son unhas 500 as rutas afectadas por este novo plan en toda Galicia que utilizan un 8% dos escolares da nosa comunidade.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

04/09/2017