CRTVG

Buscar

A Garda Civil tómalles declaración as testemuñas do accidente de Portonovo

Publicado o 03/07/2019 13:27

A Garda Civil comezou a tomarlles declaración ás testemuñas do accidente. Tratan de recompoñer as pezas do caso e dar cos donos da lancha que pasou por enriba do mergullador. O luns á tarde na zona había catro submarinistas coa súa localización ben sinalizada polas boias e as bandeiras alfa. "A boia o que di é sepárese de min, diminúa a velocidade. O patrón ten que coñecer iso. O mergullador non está nese punto exactamente", di Carlos Durán, do Centro de Estudos Submarinos.

A área onde se adoita traballar é de 50 ou 100 metros arredor desa boia. O falecido estaba nunha zona con moi pouca profundidade e as testemuñas din que nas inmediacións había tres ou catro embarcacións de recreo. "O patrón da embarción, se ten experiencia, sabe que aí ten un risco grande. O mergulllador está subindo e baixando continuamente. Hai risco de atopar alguén en superficie con pouca visibilidade. Os traxes son escuros", afirma Durán.

A Garda Civil busca unha embarcación branca, con danos na hélice e, se cadra, con algún golpe ou desperfecto. O sector di que entre os mergulladores en apnea hai máis mortes por síncope, cando a hiperventilación engana o organismo sobre as súas necesidades de osíxeno. Coas lanchas sempre hai sustos, sobre todo cos mergulladores profesionais. Segundo Durán, os navalleiros traballan coas lanchas enriba e houbo algún incidente deste tipo. Por iso, o sector propuxo hai anos un protector para as hélices. Agora, son moi poucas lanchas os que o manteñen porque acumula lixo e algas e, ademáis, o motor perde algo de potencia.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/07/2019