CRTVG

Buscar

A Garda Civil tiña moi vixiado a Abuín e non o detivo antes por algúns erros

Publicado o 20/11/2019 12:24
A Garda Civil tiña moi vixiado a Abuín e non o detivo antes por algúns erros

A Garda Civil tiña previsto deter a Enrique Abuín "a mediados de xaneiro" de 2018, menos dun mes despois de que o intento de agresión en Boiro ocorrido no Nadal de 2017, e polo que xa foi condenado, precipitase este proceso, que levou tamén ao achado do corpo de Diana Quer.

Así o dixo un axente da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil, que se incorporou en xaneiro de 2017 á investigación, pouco tempo despois da recuperación do teléfono de Diana Quer da ría.

O axente explicou que foi o posicionamento do móbil de Enrique Abuín, un dos principais sospeitosos, o que o situou a noite dos feitos na zona de Rianxo, polo que se estableceron áreas de procura dun posible enterramento en distintos puntos, entre eles a área de Asados.

Por mor desta situación, dixo, "estaba previsto deter a Enrique Abuín a mediados do mes do xaneiro".

Con todo, a información sobre a denuncia dun intento de agresión en Boiro en Nadal, polo que identificaron o Chicle, precipitou todo.

Patrón de conduta

Unha das cuestións que levou a Garda Civil a sospeitar do Chicle no caso Diana Quer foi o seu "patrón de conduta" con outras denuncias previas de acoso sexual, entre elas a violación que denunciou a súa ex-cuñada pero que, inicialmente, foi arquivada.

Entre outras cuestións, o investigador destacou que este "patrón de conduta vulnera" un "dos principios fundamentais dos agresores sexuais", o agredir a "alguén da súa contorna".

"Unha persoa que actúa na súa contorna, e máis en delitos deste tipo, hai que telo moi en conta", resolveu.

Meses antes, a Garda Civil iniciou un "dispositivo de vixilancia" de Enrique Abín que el "detectou" e polo que se puxo en contacto con axentes que coñecía en relación a un alixo de cocaína que lle atoparan anos antes.

Esa noite, Enrique Abuín recoñeceulles aos axentes que esa madrugada estivera nas festas da Pobra e dixo que fora xunto cun amigo, o que declarou durante o xuízo que o acompañaba habitualmente a coñecer mulleres.

Erro na autovía

Un erro na hora fixada nas cámaras de seguridade da autovía do Barbanza provocou que, inicialmente, non se centrase a investigación na posible participación de Enrique Abuín na desaparición de Diana Quer, dado que o seu paso por esta vía non coincidía coas horas nas que se posicionaba nela o teléfono da moza.

O axente detallou que, tras achar o terminal de Diana, a investigación xa dispoñía das listaxes telefónicas de datos e chamadas do móbil da vítima, pero "faltaba o contido do teléfono", para o que era necesario desbloquealo.

"Cando se localiza, o teléfono está moi danado, roto, co interior esnaquizado", dixo o garda civil, que engadiu que a memoria se "transplantou" a outro teléfono.

Nese momento, os investigadores descubriron que, dos nove intentos dos que dispón este modelo, intentaron en seis ocasións desbloquear o teléfono.

"Tiñamos que ir ao seguro para que non se formatase", subliñou, á vez que ratificou que o móbil se botou "acendido" á auga.

Para iso, recorreron a unha empresa externa en Colonia, Alemaña, que "logra desbloquealo" para obter os datos de posicionamento GPS da moza durante esa noite, ata que ás 2,58 horas do 22 de agosto de 2016 se desconecta na ponte de Taragoña.

Un erro nunha hora

Á hora de relacionar o posicionamento do móbil de Diana Quer con outras persoas coas que puidese ir, o axente explicou que os investigadores se atoparon cun "grave problema" do que non se decataron ata xaneiro de 2017 e que fixo que, nun primeiro momento, non se centrasen no Chicle.

"Revisando esa documentación, vemos que hai un erro de posicionamento horario das cámaras da autovía de máis de 14 minutos", dixo o investigador, que concretou que, nese momento, se detectou que a cámara da autovía estaba atrasada 14 minutos, polo que, "en todos os estudos previos, había un número de vehículos bastante grande que non se correspondían co horario polo que pasa Diana".

"Inicialmente, descartouse o Chicle porque non pasaba na mesma franxa horaria", destacou.

O seu teléfono puido ser posicionado vía repetidor nesa zona, pero non con datos GPS porque, ao entregalo á Garda Civil, fora formatado "a conciencia" horas antes.

A zona en que a abordou

A testemuña tamén se referiu durante a sesión á zona na que os investigadores cren que o Chicle abordou a Diana Quer: a intersección entre o Paseo do Areal e a rúa de Venecia.

O axente asegurou que os posicionamentos GPS do móbil de Diana marcan por esta zona a localización da moza esa madrugada.

A pesar dos erros nos posicionamentos, dalgúns metros, "onde José Enrique Abuín di que a abordou é imposible" que estivese, dixo o investigador, dado que "hai case 200 metros de distancia".