CRTVG

Buscar

A Garda Civil reabre a investigación do dobre crime de Taboadela 11 anos despois

Publicado o 27/07/2020 14:22

No 2009, un dobre crime conmocionou a parroquia de Amendo, en Taboadela. José Martínez, de 65 anos, e a súa muller, María Teresa Campos, de 63, apareceron asasinados a tiros no seu domicilio. El tiña un disparo no pescozo e ela dous tiros na cabeza.

Seis meses despois do crime, a Garda Civil detivo o fillo da parella, José Miguel Martínez, como presunto autos dos asasinatos, pero foi posto en liberdade por falta de probas.

Dous anos máis tarde volveron detelo e chegou a ingresar en prisión, pero finalmente quedou en liberdade, outra vez por falta de probas.

David López, avogado de José Miguel Martínez, dicía daquela que o seu cliente estaba satisfeito pola decisión xudicial, pero quería que se seguise investigando o caso para dar coa autores dos asasinatos.

Once anos despois, os investigadores cren que os avances tecnolóxicos poderían axudar a resolver este dobre crime. Dispoñen de análises balísticas, químicas e biolóxicas moito máis avanzadas que poderían botar luz sobre este caso.

As primeiras informacións apuntan que os axentes xa determinaron o móbil do crime, pero o que non transcendeu polo momento é se o principal sospeitoso segue a ser o fillo da parella.

Noticias web

27/07/2020