CRTVG

Buscar

A Garda Civil pon unha trintena de denuncias nun bar de Guitiriz por incumprir as restricións

Publicado o 16/03/2021 14:38

O dono e os clientes dun bar de Guitiriz enfróntanse a sancións de ata 60.000 euros. Tras moitas semanas coa hostalería pechada pola alta incidencia do virus no concello, algúns tomaron á tremenda esa reapertura: o establecemento acumula 27 infraccións. Desta volta, a Garda Civil atopouse cun grupo de 16 persoas non conviventes que consumían máis aló do horario permitido.

Aparentemente, todo está en orde: as mesas marcadas, a ocupación máxima indicada, á vista as recomendacións de distancia e medidas de protección pero a Garda Civil sospeitou que algo non ía ben ao escoitar movemento no interior, cando Guitiriz aínda estaba no nivel alto de restricións.

"Ás seis xa cerran, pero o outro día había uns cantos aí que non eran de Guitiriz", comenta un veciño.

Na terraza posterior, oculta á vista, había 16 clientes, en dúas únicas mesas, sen máscaras nin distancias de seguridade. Cando deron as seis, hora de peche, e despois de seren denunciados polas infraccións anteriores, aínda lles preguntaron aos axentes se podían tomar outra, a última, iso si.

"Estaba todo cerrado, pero viñeron de Cesuras, de Teixeiro, de Ferrol... Había vinte e tantos ou trinta aí metidos", di outra veciña.

En xaneiro xa foran denunciados por feitos semellantes. Entre o local e os clientes, acumulan 27 propostas de sanción.

"Non hai dereito que os demais esteamos coa máscara, privados de saír porque non podemos, e ela con isto aberto e da maneira que anda. Porque os outros pechan cando teñen que pechar, pero ela pecha a porta e na parte de atrás é onde se arma todo o balbordo", di, enfadada, a veciña.

As sancións ás que se expoñen os clientes oscilan entre 100 e 3.000 euros. As do local poden chegar aos 60.000.

Noticias web

16/03/2021