CRTVG

Buscar

A Garda Civil participa no desmantelamento dunha organización dedicada ao tráfico de armas en Europa

Publicado o 17/10/2021 11:58
A Garda Civil participa no desmantelamento dunha organización dedicada ao tráfico de armas en Europa

Nunha operación internacional coordinada pola Europol a Garda Cvil canda a Policía de oito países europeos (Holanda, Chequia, Eslovaquia, Bélxica, Alemaña, Austria, Polonia e o Reino Unido) participou no desmantelamento dunha importante organización criminal dedicada ao tráfico de armas en Europa. A maioría dos integrantes da banda eran cidadáns de Eslovaquia, Chequia e Holanda.

O operativo permitiu deter 18 persoas e incautarse de máis de 350 armas de fogo. A rede adquiría armas recalibradas en países do leste de Europa, que logo transformaban en armas de fogo real para vendérllelas a grupos criminais por toda Europa.

Poñían no mercado ilegal de armas pistolas, subfusís e fusís de asalto de última xeración recalibrados ao sistema Flobert para poder ser vendidas de xeito máis fácil en países do leste europeo con lexislación que o permite.

Moitas das armas tiñan capacidade de realizar fogo metrallador, polo que se trata de armas de guerra. Os investigadores sospeitan que a organización desmantelada subministrou máis de 1.500 armas de fogo a grupos criminais localizados en España, Países Baixos, Austria, Dinamarca, Alemaña, Portugal, Suecia e a República Checa.