CRTVG

Buscar

A Garda Civil investiga un tiroteo en Vilanova de Arousa, no que non houbo feridos

Publicado o 29/03/2021 14:28

A Garda Civil investiga un posible tiroteo rexistrado esta noite no municipio pontevedrés de Vilanova de Arousa e se está relacionado cunha pelexa entre dous homes que houbo no paseo marítimo. 

Nese paseo produciuse unha forte discusión por cartos entre dous homes, que foi gravada en vídeo por un veciño. Pouco despois escoitáronse varias detonacións no porto de Vilanova. A Garda Civil investiga o caso como un posible tiroteo.

Pasado xa o toque de recollida, sobre as dez e media da noite, este altercado entre dous homes alertaba os veciños do paseo marítimo de Vilanova de Arousa. Un destes veciños decidiu coller o teléfono e gravar a escea. Contan as testemuñas que todo comezou cando un dos implicados na liorta esixe a berros uns cartos ao outro home, que estaba no interior dun vehículo estacionado. Comezan a intercambiar golpes e patadas mentres dúas mulleres intentan mediar para separalos e que deixen de pelexar.

O veciño comparte a liorta pola redes sociais e pouco despois a Garda Civil recibe unha chamada alertando sobre unhas detonacións que se escoitaron na zona do porto, e que podería tratarse dun tiroteo relacionado con esta discusión. Hai unha investigación aberta para claxerar os feitos. Non houbo feridos e, polo de agora, tampouco hai detidos.