CRTVG

Buscar

A Garda Civil investiga un home pola morte de sete cabalos en Melide

Publicado o 26/11/2019 13:05
A Garda Civil investiga un home pola morte de sete cabalos en Melide

A patrulla de Seprona da Compañía de Santiago procedeu a investigar un veciño de Melide por un suposto delito contra os animais domésticos.

A investigación realizouse logo de que a Garda Civil observase diversas irregularidades en materia de sanidade animal, as cales tamén foran observadas en anteriores ocasións e no mesmo lugar. Por todo iso, puido comprobarse a existencia de 29 equinos nas instalacións, 7 deles mortos. Todos os cabalos mostraban sinais de mala nutrición, mala hixiene e falta de coidados imprescindibles para a súa existencia.

Dous dos animais falecidos atopábanse en cortes individuais e contiguas, en que se puideron apreciar sinais evidentes da agonía sufrida e as tentativas de escapar dos habitáculos onde se atopaban amoreados.

Á vista disto, requiriuse a colaboración dos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural para a inspección das instalacións, tamén, para a valoración do estado dos animais, sendo a mesma entidade quen procedeu a adoptar medidas para preservar a vida dos animais. Finalmente, os feitos foron postos en coñecemento do xulgado de Arzúa.

Na mesma parcela, o pasado mes de maio deste ano, tamén o Seprona realizou outra intervención, dando como resultado o achado de 6 cadáveres de cabalos e 2 de cadáveres de cans. Algúns dos corpos de animais falecidos presentaban un avanzado estado de descomposición. Tamén se procedeu a outra intervención policial similar no ano 2012.