CRTVG

Buscar

A Garda Civil investiga o envío de 5.000 recibos da auga falsos en Mos

Publicado o 22/05/2019 19:26

O concello de Mos alerta dunha fraude que afecta o pago dos recibos da auga. Veciños deste municipio recibiron facturas falsas dunha empresa ficticia en que lles reclaman o aboamento de cantidades de ata 500 euros. Descoñécese o número exacto de afectados, pero hai 5.000 cartas retidas en Correos que non chegaron a ser enviadas. A Garda Civil investiga os feitos.

Paco foi un dos primeiros veciños de Mos en dar a voz de alerta. Recibiu unha factura polo consumo de auga dunha traída particular que o fixo sospeitar. O recibo tiña unha aparencia real, pero non recoñeceu o nome da empresa que o emitía, AQUAMOS, e non figuraba o nome do destinatario. Porén, si remitía a un numero de conta onde facer o ingreso, no seu caso, de máis de trescentos euros.

Paco puxo os feitos en coñecemento do Concello, que xunto ao Consorcio de Augas do Louro presentaron denuncia, ao comprobar que había máis veciños afectados aos que esta empresa ficticia reclamaba cantidades de entre 300 e 500 euros.

O Concello de Mos remitirá cartas a todos os veciños para informar da fraude e voluntarios de Protección Civil xa percorren as parroquias para expicarlles que non deben pagar estas facturas en caso de recibilas.

A Garda civil investiga os feitos e mañá o xulgado encargado do caso tomará declaracións aos responsables de Correos, onde hai 5.000 facturas retidas que non chegaron a ser enviadas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/05/2019