A Garda Civil investiga as causas do incendio que calcinou unha nave en Ponteareas
Publicado o 31/03/2021 15:02
A Garda Civil investiga as causas do incendio que calcinou unha nave procesadora de bacallau en Ponteareas. O lume comezou ao redor das 2 da tarde, 15 minutos despois de que o último empregado da quenda abandonara as instalacións.
As lapas avanzaron axiña debido ao material almacenado na nave: cartón e plásticos para o envasado do bacallau. Isto dificultou o traballo dos bombeiros, que non puideron impedir que a metade do edificio quedara arrasado. Foi precisa a intervención de 5 dotacións de bombeiros de Ponteareas, O Porriño, Mos e Vigo.