Interceptan un condutor reincidente que circulaba de forma temeraria
Sucedeu na Nacional 547, á altura de Arzúa. Este é o momento en que o condutor da furgoneta, de 37 anos, intenta adiantar un vehículo pola dereita. Algo que non puido conseguir, segundo os axentes, por tratarse dun tramo da estrada en subida e ir cargado.
Pero non é a única temeridade que realiza durante o seu traxecto. A Garda Civil puido gravar tamén o instante en que efectúa un adiantamento nunha curva perigosa, con liña continua, e invandindo completamente o sentido contrario.
Pouco antes, adiantara tamén a furgoneta camuflada da Garda Civil, que se atopaba patrullando pola zona, e que puido observar como o home circulaba incumprindo as normas de tráfico e poñendo en alto risco a seguridade viaria.
Para poder interceptalo foi necesaria unha patrulla de apoio, debido á velocidade altamente superior á permitida coa que circulaba.
O home deu positivo en consumo de drogas e alcol, polo que quedou inmobilizado. Ademais, os axentes comprobaron que se trata dun condutor reincidente, que recuperara recentemente o permiso de conducir, tras perdelo por diversas e numerosas infraccións ao volante.
A Garda Civil en Galicia é pioneira no uso de vehículos camuflados tipo furgoneta. Algo que lles ofrece un mellor punto de visión para observar as posibles infraccións dos condutores.