CRTVG

Buscar

Haberá máis controis de alcol e drogas nas estradas durante esta ponte festiva

Publicado o 07/12/2019 09:26

No que vai de ano, en Galicia 84 persoas perderon a vida en accidentes de tráfico, 13 menos que o ano pasado, pero aínda queda o mes de decembro coas súas festividades e ceas de empresa, o que aumenta o consumo de bebidas alcolicas. Para evitar accidentes a Direccion Xeral de Tráfico incrementou nesta ponte festiva os controis aleatorios de alcol e estupefacientes. Unha cuestión na que a concienciación resulta fundamental.

"Hai que saber manter os límites. É preferible pagar un taxi a que te multen ou a provocar un accidente".

"Eu intento non levar o coche se sei que vou beber. E se o levo intento deixar de beber tres ou catro horas antes de coller o coller o coche". 

Un dos dispositivos desta madrugada estableceuse preto de Vilagarcía de Arousa. Dos 175 condutores controlados sete deron positivo na proba de alcolemia, aínda que ningún superou o límite penal de 0,60 miligramos de alcol por litro de aire espirado. Ademais, realizáronse seis tests de drogas dos que catro resultaron positivos, unha tendencia ascendente nos últimos anos.

Rubén Varela, Garda Civil de Tráfico (Destacamento de Pontevedra): "En termos xerais a xente vaise concienciando e vai diminuíndo un pouquiño. Vése un pouco de aumento o tema das drogas. Se ben, é certo que estamos facendo máis controis e tamén máis probas, polo que o resultado é un pouco maior".

A Garda Civil de Tráfico insiste: alcol e condución son incompatibles e poden ter consecuencias, mortais as peores, e cando menos monetarias. Senón que llelo digan a un dos condutores detectados esta noite, que foi perseguido por unha patrulla e deu positivo en alcol e drogas. Agora podería enfrontarse a quedar sen carné e a unha multa de 1.700 euros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/12/2019