A Garda Civil detén un veciño de Lalín por acoitelar a muller
A Garda Civil está a investigar o que podería ser un caso de violencia machista en Lalín. É unha agresión que tivo lugar na parroquia de Goiás. Presuntamente, un veciño deulle varias coiteladas á súa ex-muller ás portas da casa. O home está detido a espera de declarar mañá no xulgado.
Os feitos tiveron lugar na parroquia de Goiás. Segundo a versión dalgúns veciños, a muller chegaba no seu coche para recoller un fillo que teñen en común, duns dez anos. No transcurso deste encontro produciuse unha forte discusión, que non tiña que ver coa custodia do menor, pero da que foi testemuña. Supostamente, ao achegarse á fiestra do coche, o home, que levaba un coitelo de cociña, deulle varias coiteladas. Coa intervención do menor, que axudou a súa nai, e a habilidade da muller foron capaces de repeler o ataque. Malia todo, a vítima ten feridas nos brazos, na cabeza, na cara e no pescozo, de carácter leve.
A muller puido fuxir e rematou no centro de saúde de Lalín, onde a atenderon. Ao pouco, a Garda Civil detivo o home presuntamente por ferir a súa ex-muller, da que ao parecer se separara no mes de febreiro e da que agora mesmo está en trámites de divorciarse. Está nas dependencias da Garda Civil pendente de pasar a disposición xudicial, que o fará nas próximas horas.