CRTVG

Buscar

A Garda Civil detén un home en Mesía con 133 plantas de marihuana

Publicado o 30/08/2019 14:04

Foron unha serie de sospeitas as que levaron os axentes deste posto da Garda Civil de Ordes ata a vivenda dun veciño de Mesía de 60 anos de idade. Alí comezou a que denominaron operación Sativa, que se prolongou durante dúas semanas en que vixiaron diariamente dúas leiras próximas ao seu domicilio, illadas e onde cultivaba a marihuana entre o millo.

Luís Villaverde, Garda Civil de Ordes: "Había tres mastíns que vixiaban estas leiras e alertaban esta persoa. Vímolo regando e cultivando as plantas, e demos aviso á autoridade xudicial para despois detelo".

O individuo foi acusado dun delito de elaboración e cultivo de droga e doutro contra a saúde pública por tráfico de drogas. Algunhas das 133 plantas de marihuana incautadas chegaban aos dous metros e medio de altura, e atopábanse en estado de floración.

"As plantas comisadas son 133 unidades, pesaban 320 quilos e eran altas, de 2 metros de altura".

O home tiña antecedentes, aínda que non estaban relacionados co caso, polo que foi posto en liberdade con cargos ata que se celebre o xuízo contra el.

Noticias web

30/08/2019