CRTVG

Buscar

A xihadista detida en Viveiro non se agochaba, facía apoloxía do terrorismo nas redes sociais

Publicado o 24/07/2019 15:44

A xihadista detida en Viveiro non se agochaba. Xa era unha coñecida das forzas de seguridade por unha detención anterior, por facer apoloxía do terrorismo, pero agora asumira os postulados máis violentos da rede terrorista. Investigan se estaba preparando un atentado en Galicia, posiblemente un atropelo masivo. 

A suposta terrorista xihadista foi detida hoxe na súa casa familiar da parroquia viveirense de Galdo, onde vivía na casa familiar. Segundo a información facilitada pola Garda Civil, esta muller, que se converteu ao islam hai poucos anos, non só asumiu os postulados máis violentos dos grupos xihadistas, celebrando publicamente os ataques de Barcelona e Cambrils, senón que tamén manifesou a súa intención de remedar en Galicia un atentado de características semellantes aos que ocorreron en Cataluña de agosto de hai dous anos.

Ten 45 anos e vive nesta casa familiar. Os que a coñecen non saben dicirnos canto tempo hai que se converteu ao islam, pero non hai moito, se cadra dous ou tres anos.

En calquera caso, optou por asumir os seus postulados máis radicais e considéraselle autora dun presunto delicto de terrorismo.

Despois dun ano de investigacións, no 2018 a Garda Civil xa a detivera. Dende aquela coidábase moito máis á hora de expresarse publicamente para eludir a vixilancia dos investigadores, tanto no seu comportamento na vida real como na súa actividade por internet e nas comunicacións que facía.

Con todo, segundo a Garda Civil, consumía propaganda de varios grupos terroristas e alegrouse publicamente da matanza terrorista das ramblas de Barcelona e do atentado de Cambrils. Con esta, a súa segunda detención, a Garda Civil pretende neutralizar esta ameaza á seguridade pública e tamén determinar se a muller está sendo coaccionada ou influenciada por alguén.

A operación desenvolvérona axentes do Servizo da Información da Garda Civil dirixidos polo Xulgado Central de Instrución número 5 e pola fiscalía da Audiencia Nacional. Por outra banda, outros tres homes foron detidos en Guipúscoa pola súa presunta participación en delitos de adoutrinamento e enaltecemento do terrorismo. Os tres son marroquís e teñen 27 anos.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/07/2019