CRTVG

Buscar

A Garda Civil detén 57 persoas e incáutase de 10 toneladas de haxix no Estreito

Publicado o 06/12/2018 18:22

A Garda Civil detén 57 persoas como presuntos membros dunha organización criminal dedicada ao tráfico de drogas entre o Norte de África e Europa, na denominada operación Albarracín, segundo informou o instituto armado.

A organización, despregada desde Estepona (Málaga) a Tarifa (Cádiz), estaba en expansión e podería estar a enviar actualmente a Europa uns 60.000 quilos de haxix ao ano.

Incautáronse preto de 10 toneladas de haxix, ademais de 12 vehículos que foran roubados, e interviñéronse bens inmobles por valor de case tres millóns de euros, ademais de bens mobles valorados nuns 300.000 euros. Tamén foron desmanteladas dez 'garderías' para a ocultación da droga e os vehículos roubados, situadas en zonas de difícil acceso para impedir e dificultar a acción policial.

A Garda Civil considera que con esta operación "foi desarticulada unha das máis importantes organizacións criminais dedicada ao tráfico de drogas entre o norte de África e Europa a través das costas andaluzas".

Nos alixos intervidos nas praias de San Roque, Tarifa e Manilva a Garda Civil incautouse dun total de 9.640 quilos de haxix, mentres que nas dez 'garderías' localizadas en Estepona, Manilva, Casares (Málaga) e en Tarifa, San Martín do Tesorillo e San Enrique de Guadiaro (Cádiz) recuperou doce vehículos roubados en España e Marrocos.

Nos oito rexistros efectuados noutros tantos domicilios localizouse documentación que está a ser analizada polos especialistas en branqueo de capitais, mentres que se solicitou á autoridade xudicial que prohiba dispoñer dos seus bens aos implicados mentres se determina a orixe do seu patrimonio.

Ordenouse o ingreso en prisión de máis da metade dos detidos, a maioría dos cales mentres efectuaban os alixos na praia e custodiaban a droga ou os vehículos subtraídos.

Un dos xefes da organización é un empregado público que non efectuaba ningún tipo de alarde ou ostentación.

A operación, coordinada pola Xefatura da Garda Civil en Andalucía, continúa aberta e está dirixida polo Xulgado Mixto 1 de San Roque. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/12/2018