A Garda Civil desmantela unha rede que falsificaba tarxetas e baleiraba contas bancarias na Coruña
Na Coruña, a Garda Civil detivo oito persoas acusadas de duplicar tarxetas e transferir o diñeiro dos estafados ás súas contas. Foi a unidade de delitos telemáticos da Garda Civil a que desmantelou a rede. Son oito persoas, veciños de distintos concellos da provincia.
Dedicábanse a duplicar as tarxetas dos teléfonos móbiles das súas vítimas. Logo conseguían as claves da banca online e facían transferencias de diñeiro a outras contas ou mesmo solicitaban créditos.
As investigacións comezaron en febreiro do ano pasado. Segundo as primeiras informacións, o xefe do grupo é un veciño de Camariñas. A maioría dos arrestados tiñan antecedentes por feitos semellantes. O grupo dependía dunha organización criminal internacional que ten a súa sede no Brasil. Os detidos pasaron xa a disposición xudicial.