A Garda Civil desartella unha rede dedicada ao tráfico de haxix en Málaga

A Garda Civil detén 26 persoas e desartella unha organización delituosa que introducía presuntamente haxix na costa oriental de Málaga. No marco da operación, denominada El Palo, incautáronse de 3.362 quilos desta droga. Os arrestados están acusados de delitos de pertenza a organización criminal, contra a saúde pública, usurpación do estado civil, receptación de armas de fogo, tenza ilícita de armas e depósito de armas de guerra.
Durante a operación confiscáronse tres embarcacións, 1.600 litros de combustible, 16 coches, armas de caza e abundante munición, segundo comunicou a Garda Civil.
De acordo coas pescudas, a organización tamén contaba con integrantes, contactos e infraestrutura no Campo de Xibraltar, Marbella e Almería. Unha vez coñecidos todos os compoñentes da organización e o seu funcionamento, e previa autorización xudicial, leváronse a cabo diversos rexistros en La Línea, El Ejido, Roquetas del Mar, Rincón de la Victoria e Málaga. No dispositivo participaron axentes das comandancias de Málaga, Almería e Alxeciras, así como OCON-SUR, CRAIN, GAR, GRS e Servizo Marítimo.