CRTVG

Buscar

A Garda Civil de Tráfico realiza estes días un control específico sobre autobuses e camións de gran tamaño

Publicado o 14/02/2020 14:44

Este cruzamento de catro vías nas aforas de Lugo é o lugar ideal para levar a cabo o dispositivo de control de autobuses e camións de máis de 3.500 quilos de carga que esta semana realiza a Garda Civil de Tráfico. Os axentes comproban en primeiro lugar que tanto a documentación do condutor como os seus permisos de circulación estean en regra e o mesmo se fai cos papeis do vehículo. Especialmente se levan mercadorías perigosas, como pode ser o gasóleo.

"Os condutores de buses e camións están máis cualificados que os de turismos e teñen máis responsabilidade na estrada".

Tamén vixían que camións e autobuses conten con todos os dispositivos de seguridade e que estes estean en perfecto estado. Barras antiabsorción, extintores, sinais de risco... todo se comproba ao detalle. Outro aspecto importante é que se respecten os tempos de descanso tanto do condutor como do vehículo. Os controis poden incomodar os condutores, pero recoñecen que son necesarios.

"Está ben que fagan controis e nós temos que ter todo en condicións". "Hai tempo que non me paran, pero é normal que haxa controis".

Para o vindeiro mes está prevista unha campaña para vixiar o uso do cinto de seguridade e en abril haberá outra de control de velocidade.

Noticias web

14/02/2020