A Garda Civil comisa 6.080 quilos de sardiña en Porto do Son
A Garda Civil da Coruña comisou 6.080 quilogramos de sardiña na localidade de Porto do Son no marco da campaña 'Días de acción Conxunta-EMPACT 2020' por exceder o tope de capturas e pescar antes do horario estipulado.
Segundo informou o Instituto Armado, os feitos ocorreron cando os efectivos do SMP que realizaban un operativo conxunto co Servizo de Gardacostas para o control da actividade pesqueira na ría de Muros e Noia viron un barco do cerco "pescando e introducindo capturas a bordo antes das 12:00, hora que fixa a actual normativa pesqueira para o inicio da actividade para este tipo de arte de pesca".
Os efectivos saíron coa embarcación do Servizo de Gardacostas para interceptar e inspeccionar o pesqueiro e proceder á descarga das capturas. Atracado o pesqueiro, procedeuse á descarga das capturas, que era de 6.080 quilogramos. A cantidade excede o tope máximo de capturas diario fixado en 1.500 quilogramos para os pesqueiros con 9 ou máis tripulantes.
A mercadoría incautada foi entregada ao Banco de Alimentos de Santiago.