CRTVG

Buscar

A Garda Civil busca un preso de Teixeiro que non volveu dun permiso

Publicado o 04/11/2018 21:06

Levaba preso dende o ano 2006 polo crime da Pontedona, en Ponteceso. Iván Añón fuxiu do cárcere de Teixeiro tras un permiso. Búscanno dende hai tres semanas. 

Estaba condenado a 27 anos de cárcere polo crime da Pontedona, en Ponteceso. Acabou coa vida dun home dun disparo nun pretendido atraco na estrada que une Malpica e Coristanco. Tras este permiso, tiña que regresar o día 10 de outubro e non o fixo. Leva tres semanas fuxido. Hai quen di que o viu por Carballo e Arteixo.

Iván Añón levaba preso desde xuño de 2006. Fora detido nesa data polo asasinato do mozo de Malpica, Xerardo Martín que recibiu un tiro na cabeza cando viaxaba no seu coche pola estrada de Buño a Coristanco despois de ser asaltado por dous encapuchados.

Daquela, Añón fuxira tras o crime a canda outros dous mozos implicados e o coche co que cometeran o asalto apareceu queimado preto da zona. A Garda Civil detívoos días despois en Carballo e foron enviados os tres á prisión de Teixeiro.

En outubro de 2008, a Audiencia da Coruña condenounos a 27 anos de prisión por homicidio e por outros dous delitos de roubo con violencia, posesión ilícita de armas, roubo dun coche e un delito de danos.

Os tres recorreron ao Supremo e o Constitucional, pero a pena de Añón non se viu reducida.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/11/2018