CRTVG

Buscar

A Garda Civil busca o atracador que entrou armado nunha sucursal bancaria en Sigüeiro

Publicado o 16/02/2021 12:52

A Garda Civil busca o atracador que entrou cunha pistola nunha oficina bancaria de Sigüeiro, preto de Santiago. O delincuente escapou a pé, pero sospeitan que tiña algún cómplice ou medio para escapar nas inmediacións da sucursal. No momento do asalto só había dúas empregadas dentro.

Ás doce e media o ladrón entrou na sucursal que o Santander ten na vila ensinando unha pistola. Pouco máis se soubo no momento. Esta oficina, agora convertida en axente da entidade bancaria, ten sempre as persianas baixadas, segundo din os veciños, polo que dende o exterior ninguén puido ver o que acontecía. E suponse que tamén por iso escolleron este obxectivo.

O ladrón pediu todos os cartos que tiñan dispoñibles. Non se sabe se a pistola era real ou unha simulación, pero as empregadas premeron a alarma en canto o atracador saíu pola porta. Una veciña di que sobre o mediodía viu correndo "un rapaz miúdo, non moi alto, que ía de escuro. Creo que levaba vaqueiros e unha chaqueta negra".

O suceso comezou a transcender cando un amplo despregamento da Garda Civil se instalou en Sigüeiro. Unhas dez patrullas e un helicóptero comezaron a buscar o delincuente, que saíu correndo pola estrada que leva a Frades, onde se supón que tiña preparado algún medio de fuxida, ou o esperaba algún cómplice.

Os axentes despregados puxeron controis nas estradas para tentar que o asaltante non fuxira, identificaron persoas pola vila e interrogaron a veciñanza.Tamén se desprazaron ata a oficina axentes especializados para tentar recoller as pegadas do ladrón e así poder identificalo. No operativo tamén se incorporaron efectivos de Policía Nacional.

As dúas empregadas non sufriron mal ningún, só o medo que pasaron ao verse ameazadas por unha arma. A cantidade do botín que levou o discreto atracador de momento é unha incógnita.

Noticias web

16/02/2021