CRTVG

Buscar

A Garda Civil busca en Ordes o condutor que fuxiu tras atropelar unha muller en Sada

Publicado o 19/07/2021 14:20

A Avenida da Mariña de Sada volve ser o escenario dun atropelo. Nin os sinais, nin os pasos de peóns nin a limitación de velocidade puideron evitalo. "O sinal é antigo. Está a 30 quilómetros por hora. Ninguén o respeta e por aí arriba moito menos, que pasan a 80 ou 90 quilómetros por hora", di un home.

A Policía Local afirma que o exceso de velocidade neste vial é un problema recorrente. De feito, esta fin de semana tiveron que atender outro caso semellante a este. "A xente adoita vir moi rápido en todos os pasos de peóns. Non só neste. En todos. Seica noutros da vila houbo varios atropelos nos últimos anos", conta unha muller.

Nesta ocasión, foi o domingo sobre as tres madrugada ao carón da Casa da Cultura. O condutor deuse á fuga pero as testemuñas colléronlle a matrícula ao coche. A muller atropelada tivo que ser trasladada ao Hospital Universitario da Coruña. A Garda Civil busca o propietario do vehículo en Ordes, que é a vila onde reside.

A poboación de Sada duplícase no verán e iso nótase no ambiente nocturno. "Depende... Aí está o chiringuito e tamén na zona do porto. Xente que queda para tomar algo pero tampouco é que haxa moita marcha. Eu creo que aquí está bastante controlado", opina un mozo. "Nesta rúa si que hai máis bares. Un sábado de noite pode haber moita xente", afirma outra moza.

Noticias web

19/07/2021