A Garda Civil atopa un laboratorio para extraer cocaína impregnada na vivenda de Oia
Unha das vivendas rexistradas no marco desta operación foi unha situada no concello de Oia. Un chalé alugado nunha aldea illada, onde o gran movemento que se xeraba non pasaba desapercibido para os veciños, ao igual que o gran despregamento policial do martes, cando á primeira hora da mañá axentes da Garda Civil e da Policía Nacional rodeaban o inmoble.
A vivenda, unha base loxística da organización, agochaba ademais un completo laboratorio, con todo o necesario para manipular cocaína. E non só iso. Os axentes tamén atoparon as ferramentas necesarias para extraer cocaína impregnada en obxectos. E os químicos necesarios para devolvela ao seu estado en po para logo ser mesturada con outras substancias de corte e gañar en cantidade. Unha vez preparada, os detidos eran os encargados da súa distribución e venda, chegando por igual a Lugo, Ourense ou Ferrol.