CRTVG

Buscar

Detida a nai dos dous meniños que desapareceran e que atoparon mortos en Valencia

Publicado o 15/03/2019 08:52

• Foi a nai a que confesou o lugar onde estaban soterrados

• A nena tiña só cinco meses e o seu irmán tres anos e medio

 

Foi a nai dos dous meniños que desapareceran en Godella, Valencia, un neno de tres anos e medio e unha meniña de apenas cinco meses, quen lle indicou á Garda Civil onde se atopaban os corpos enterrados, pero non confesou a autoría do crime.

Segundo lles explicou aos xornalistas o delegado do Goberno, Juan Carlos Fulgencio, a muller atópase detida por estes feitos, mentres que o seu compañeiro e pai dos nenos segue baixo interrogatorio policial.

Ao preguntarlle por se estes feitos poden recibir a cualificación de "violencia de xénero", Fulgencio apuntou que "dificilmente" terían este encaixe, aínda que "o terá que determinar a investigación". Polo momento, non se informou sobre as causas da morte, aínda que o delegado do Goberno apuntou que o equipo forense que participou no levantamento do cadáver traballa cunha determinada hipótese -que non quixo precisar-, á espera de que se practiquen as pertinentes autopsias.

Os nenos foron vistos onte por unha amiga da familia, segundo detallou Fulgencio, polo que a morte e enterramento dos menores produciuse nas últimas 24 horas. Os corpos foron enterrados en dúas fosas, unha a uns 75 metros da vivenda que ocupaba a familia de forma ilegal, e o outro a uns 150 metros, no chan, segundo precisou o delegado do Goberno.

Aínda que a nai se mostrou remisa á colaboración durante a maior parte do interrogatorio ao que foi sometida, finalmente os axentes conseguiron "convencela" para que lles indicase onde se atopaban os corpos.

O xuíz levantou xa o primeiro dos corpos, e está a proceder ao levantamento do segundo. Tras lamentar o "triste desenlace", Fulgencio agradeceu a colaboración dos voluntarios que participaron no dispositivo de procura, así como o labor das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/03/2019