CRTVG

Buscar

A Garda Civil rescata unha veciña de Xermade atrapada na casa por un incendio

Publicado o 18/06/2019 19:40

Axentes da Garda Civil rescataron unha veciña de Xermade que quedara atrapada no seu domicilio durante un pequeno incendio que causou abundante fume na vivenda. Os axentes acudiron ao lugar despois de que a muller dera aviso polo servizo de teleasistencia. Tiveron que forzar a porta de entrada para poder entrar na casa. A muller, de avanzada idade, non lembra o acontecido.

A Garda Civil confirmou que a propietaria desta vivenda da parroquia de Burgás, en Xermade, tivo que ser rescatada despois de que se declarara un incendio na cociña. O lume foi cativo, pero causou moito fume polo que a muller deu aviso o servizo de teleasistencia. Os axentes chegaron ao cabo de pouco tempo e tiveron que romper o cristal da porta para poder acceder ao inmoble. Unha vez dentro, extinguiron as lapas e ventilaron o lugar. Tamén deron aviso para que a muller fora trasladada ata o centro médico de Vilalba, se ben non presentaba feridas nin síntomas de intoxicación. Os responsables de teleasistencia insisten en que o servizo pode salvar vidas sobre todo no caso de persoas que viven soas e especialmente maiores do medio rural.

"Proporcionamos un equipo de alerta e creamos unha rede con familiares, veciños e servizos de auxilio para dar unha resposta inmediata en caso de que lles suceda algo aos usuarios".

A muller, de moi avanzada idade, con mobilidade reducida e que vive soa, non lembra nada do acontecido. De feito, dá unha versión moi diferente do suceso. Di que caeu ela soa diante da casa e que un veciño insistiu en levala ao centro médico. Tamén que foi un familiar seu o que rompeu a porta, durante a súa ausencia, logo de decatarse que a anciá non abría nin collía o teléfono. A Garda Civil xa aclarou que non foi así. A muller recibe case a diario a visita dos servizos sociais, pero no momento do suceso atopábase soa. Por fortuna, a alerta que deu a teleasistencia serviu para salvala de danos maiores.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/06/2019