CRTVG

Buscar

Bos días

A Galipedia fai dez anos e o Apalabrados ten xa versión en galego

Publicado o 14/03/2013 10:25

 

DEZ ANOS DA GALIPEDIA

A lingua galega sobe un chanzo na internet grazas á Galipedia. Coincidindo co seu décimo aniversario, a Wikipedia en galego acaba de chegar aos 100.000 artigos e isto significa que a nosa lingua aparece agora na rede mellor posicionaba e en letras máis grandes.

Detrás deste avance está o traballo de algo máis de trescentos galegos que de xeito anónimo e voluntario soben cada día contidos á que é xa a maior enciclopedia do mundo.

Para Manuel Galego, director de culturagalega.org, a Galipedia a cifra dos 100.000 artigos demostra o interese da sociedade galega por compartir información na súa propia lingua.

Non ten publicidade, é libre e está feita desde abaixo. Un dos editores, Elisardo Juncal, explica que "achegar contidos é sinxelo. Só hai que darlle ao botón de editar e pode facerse de xeito completamente anónimo".

A elaboración da Galipedia é un traballo anónimo e non remunerado. Aos case 330 editores activos, como a Elisardo, repórtalles a satisfación de contribuír a democratizar o coñecemento e a normalizar o uso da lingua. Pero cómpren máis editores. Hai poucas mulleres e zonas de Galicia pouco representadas, como a provincia de Ourense.

 

APALABRADOS EN GALEGO

A partir de agora xa poderemos xogar ao 'Apalabrados' en galego. A empresa Cilenis, con sede en Santiago encargouse de facer a versión no noso idioma desta aplicación.

O 'Apalabrados' estaba dispoñible nunha ducia de linguas, entre elas o castelán, o catalán, ou o euskera. A aplicación foi creada pola empresa arxentina Etermax e hoxe en día o xogo conta con máis de 2 millóns de seguidores en todo o mundo.

Din os creadores da versión en galego que isto responde a unha demanda de moitos usuarios que levaban tempo pedíndoo a través das redes sociais. Con esta nova versión do 'Apalabrados', queda demostrado que o galego e as novas tecnoloxías poden camiñar da man.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Bos días

14/03/2013