CRTVG

Buscar

A empresa que xestiona os comedores de gardarías onde houbo intoxicacións terá que cambiar de provedores

Publicado o 07/11/2019 13:10

A empresa de cátering que xestiona os comedores de escolas infantís A Galiña Azul en que se produciron intoxicacións e reaccións alérxicas estará obrigado a cambiar de provedores dos produtos do menú e acudir a establecementos de proximidade.

A medida, adoptada pola Xunta a través do Consorcio Galego de Servizos en Igualdade e Benestar, entrará en vigor de maneira indefinida a partir deste xoves e afectará todas as gardarías en que a empresa Freire Mozo SL xestiona o comedor escolar.

A través dun comunicado, o Consorcio informa que todos os produtos, desde os alimenticios ao enxoval de cociña, deixarán de estar fornecidos polos provedores centralizados cos que conta a empresa, que terá que recorrer a establecementos localizados nas proximidades de cada centro.

A medida prodúcese despois de que, o pasado luns, se rexistrase un episodio de reacción alérxica leve entre o alumnado de entre 15 e 20 gardarías da rede da Xunta cuxos comedores están xestionados pola mesma empresa responsable da intoxicación, a mediados de outubro, de polo menos 41 nenos por un peixe servido en mal estado.

Así, o Consorcio Galego de Servizos Sociais lanza unha mensaxe de "tranquilidade" ás familias "dada a levidade de todas lsa reaccións alérxicas que se rexistraron".

Os novos casos de intoxicacións afectaron entre 15 e 20 gardarías da rede de escolas infantís A Galiña Azul. O Goberno galego mantén aberta unha investigación para pescudar se esta problemática garda algunha relación coas reaccións alérxicas leves rexistradas o pasado mes de outubro que padeceron varias decenas de menores nas zonas de Cangas e A Coruña. Todos estes centros contan cun servizo de cociña xestionado pola mesma empresa.

As primeiras reaccións alérxicas detectadas en outubro déronse por menús de peixe que consistían en palometa. Os técnicos estudaron mostras de peixe tanto en cru, conxelado como cociñado e constataran a presenza dunha substancia, a histamina, por encima dos valores normais. Días despois empezaron a denunciarse máis casos, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que se tomarían medidas ante esta situación unha vez conclúa a investigación sobre a empresa, o servizo de cociña e a provedora do peixe servido.

Nun principio, a investigación sospeitaba que se tratou dun problema de ruptura da cadea de frío durante o transporte. Este martes detectáronse novos casos de alerxias cos mesmos síntomas e reaccións que os denunciados no mes de outubro (manchas vermellas que desaparecían co tempo e malestar). A diferenza principal radica en que nesta ocasión non se tratou dunha partida de peixe concreta, senón que se serviu crema de brócoli e cabaza e raxo de polo con macarróns.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/11/2019