CRTVG

Buscar

A galega Teresa Portela, lenda do olimpismo

Publicado o 24/08/2019 17:35

• Será a primeira deportista española con seis participacións olímpicas tras lograr o bronce en Hungría e o billete para Toquio 2020. A canguesa suma xa 15 medallas en campionatos do mundo

Teresa Portela fai historia. Se así o quera a Federación, a canguesa vai ser a primeira muller en España que participe por sexta vez nuns xogos olímpicos. Con 37 anos Teresa Portela logra o pasaporte para Toquio tras conseguir medalla de bronce en  K1 200 no Mundia de Hungría. Foi a 15ª medalla para a padexeira de Aldán que celebraba o éxito coa súa nena e o seu home, David Mascato.

Foi de bronce pero soubo a ouro. No día chave sempre aparece Teresa Portela. Pendurou ao pescozo a medalla número quince nuns campionatos do mundo. Pero, sobre todo, a canguesa será a primeira deportista española na historia en competir en seis xogos olímpicos. Portela tíñao entre cella e cella. Estar entre as cinco primeiras. Con foto finish incluída e moito suspense rematou no terceiro posto co mesmo tempo que Emma Jorgensen. Da emoción a ledicia e á reflexión. Teresa Portela, dende hoxe mito do olimpismo español.

A de Portela non é a única medalla que veu para o Morrazo destes campionatos do mundo. De ouro gañouna Pablo Graña no C2 cincocentos. Con vinte anos Graña xa pasou de promesa a realidade. O tomiñés Roi Rodríguez e o cangués David Barreiro tamén estiveron na final A pero quedaron afastados desas cinco primeiras prazas. Tanto Roi como David ocuparon a oitava posición no K1 mil e no C1 cincocentos.

 

Noticias web

24/08/2019