CRTVG

Buscar

A farmacéutica galega PharmaMar estréase no Ibex 35 cunha caída do 5%

Publicado o 21/09/2020 18:04
A farmacéutica galega PharmaMar estréase no Ibex 35 cunha caída do 5%

As accións de PharmaMar estreáronse este luns no IBEX 35, o principal índice bolsista español, pechando cunha caída do 5,2%, ata marcar un prezo de 98,6 euros. A farmacéutica incorporouse a un selectivo que estará integrado por 34 valores ata o próximo 19 de outubro, tras a suspensión de MásMóvil pola OPA de Lorca Telecom Bidco.

A compañía ocupa así o oco que deixa Ence, valor que abandonou este índice para incorporarse ao 'Ibex Medium Cap'. PharmaMar dá o salto ao índice cun coeficiente aplicable do 100% e 18.554.107 accións. Desde que o Comité Técnico Asesor do índice comunícase por sorpresa, o pasado 10 de setembro, que PharmaMar substituiría a Ence no principal selectivo da Bolsa española, a farmacéutica subiu máis dun 17% a súa cotización, ata os 103,8 euros ao peche do pasado venres e recuperando os niveis de xullo.

O Comité reunirase con carácter extraordinario o día 7 de outubro para valorar a reinclusión ou, previsiblemente, a substitución de MásMóvil por outro valor, que entraría a formar parte do índice con efectos do día 19 de outubro deste ano.