CRTVG

Buscar

A galega Nadia Calviño opta este xoves a presidir o Eurogrupo

Publicado o 08/07/2020 22:04

Os ministros de Economía e Finanzas da zona euro decidirán este xoves quen será o seu presidente ou presidenta durante os próximos dous anos e medio nunha elección para a que se postularon a vicepresidenta de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, e os ministros de Finanzas de Luxemburgo e Irlanda, Pierre Gramegna e Paschal Donohoe, respectivamente.

A reunión por videoconferencia dos responsables económicos dos Dezanove comezará ás 15:00 horas pero o proceso de elección será o último punto da axenda. Antes, os ministros abordarán as últimas previsións económicas da Comisión Europea e debaterán cando deberían volver aplicarse as regras comunitarias de redución de déficit e débeda públicas.

Tras estes dous puntos da orde do día darase paso ao proceso para elixir a persoa que desde o 13 de xullo e ata decembro de 2022 presidirá este organismo informal de ministros de Economía da zona euro. A candidatura gañadora deberá conseguir o apoio de polo menos dez dos dezanove participantes nunha votación secreta en que tamén participan os ministros candidatos. Se ningún dos tres chega a esta cifra nunha primeira votación, eliminarase o que recibise menos votos e organizarase unha nova.

Ao ser un encontro telemático debido ás medidas de prevención pola pandemia, o proceso desenvolverase a través dunha aplicación web e só terán acceso aos resultados os dous funcionarios europeos que xestionarán a plataforma. As tres candidaturas mostráronse confiadas para a elección deste xoves horas antes de que teña lugar, pero o certo é que Calviño é a que conseguiu máis apoios públicos desde que se lanzou hai un mes o procedemento para substituír o portugués Mário Centeno, que tivo a presidencia desde xaneiro de 2018.

De feito, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, declarou varias veces nos últimos días que é "razoablemente optimista" respecto diso e destacou o traballo "entre bambalinas" para conseguir apoios para a vicepresidenta española. A galega conta co voto garantido de Alemaña, Italia e Portugal tras as confirmacións públicas por parte de Angela Merkel, António Costa e Giuseppe Conte.

En total, o Goberno cre ter atados seis ou sete votos á parte do propio, entre eles tamén o de Grecia ou o de Chipre, países con ministros do Partido Popular Europeo (PPE). Nas contas de Moncloa tamén se atopa Francia a pesar de que o Goberno de Emmanuel Macron non fixo público o seu apoio a Calviño.

Noticias web

08/07/2020