CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía FDS

A galega Marta Lado recibiu o premio á mellor interpretación feminina polo seu traballo na película 'Sicixia' no festival Cinespaña de Toulouse

Publicado o 09/10/2016 14:50

E temos unha boa noticia para o cine galego, que nos chega do festival Cinespaña, que estes días estase celebrando en Toulouse. A galega Marta Lado recibiu onte o premio á mellor interpretación feminina polo seu traballo na película Sicixia, de Ignacio Vilar. É o primeiro galardón internacional que recibe a actriz de Fisterra.

Cando a Terra, a Lúa e o Sol se aliñan prodúcese "sicixia", que é o título deste filme rodado na Costa da Morte, e que narra a historia dunha muller e un home que viven unha aventura nunha terra apaixonante. É un traballo con guión aberto, o que significa que moitos dos personaxes secundarios que aparecen non son actores profesionais, senón xente da zona. A rodaxe requiriu unha preparación e un esforzo extra por parte de todo o equipo, xa que tiñan que traballar na natureza e en condicions meteorolóxicas moitas veces duras.

"Síntome orgullosa porque pensaba que era difícil. Era complicado polos medios que tiñamos para abarcar unha aventura así, en tan pouco tempo, con dificultades de clima e demais cousas. E penso que entre todos, todo o equipo se uniu como unha piña e todos demos máis do que esperabamos", explicou a actriz.

Marta Lado di que está atravesando un bo momento, xa que, ademais desta largometraxe, está traballando no teatro e en televisión. Porén, a galardoada recoñece que non esperaba o premio.

"Sabía que podía haber algún premio pola experiencia do ano anterior con "A Esmorga", pero non pensei que fora eu, e menos coas actrices que estaban propostas", recoñeceu a actriz, que non puido acudir á gala de entrega.

No seu nome recolleu o galardón o director do filme, Ignacio Vilar, quen dixo que o premio supoñía un pulo para o cine rodado en galego.

O premio ao mellor documental tamén foi para un galego, Eloy Domínguez, polo filme 'Non hai vacas no xeo', que amosa as dificultades de adaptación dun inmigrante galego en Suecia".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí